Tres centros creativos de Vigo, nos ‘Encontros de Mariñáns’

A foto de familia dos participantes nos “Encontros de Mariñáns” que se celebran esta semana.
photo_camera A foto de familia dos participantes nos “Encontros de Mariñáns” que se celebran esta semana.

A Academia de Belas Artes organiza unha semana de residencia para 40 estudantes

O Conservatorio Superior de Música de Vigo, a Escola Superior de Arte Dramático de Navia e as facultades de Belas Artes e de Deseño da Universidade de Vigo participan nos “Encontros de Mariñáns” que a Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) organiza con 40 estudantes de nove institucións galegas.

Trátase dunha semana de residencia creativa que foi inaugurada por membros da expedición local. Así, a conferencia de apertura correu a cargo do catedrático de escultura da UVigo,  Juan Fernando de Laiglesia, coa ponencia “Máis de 40 pedras” na que presentou a temática destes encontros. Pecharon o acto, estudantes da ESAD e un concerto  adicado á pedra, interpretado por alumnos de percusión vigueses.

Esta é a quinta edición dos “Encontros de Mariñán”, unha actividade que organiza desde 2018 en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña. Este ano participan tamén o Conservatorio Superior de Música de Coruña, as escolas de arte e superiores de deseño “Antonio Failde” (Ourense), “Mestre Mateo” (Santiago de Compostela), “Pablo Picasso” (A Coruña) e “Ramón Falcón” (Lugo), máis a Escola de Imaxe e Son da Coruña. Ao longo de cinco días alumnos de distintas disciplinas reúnense e desenvolven proxectos de creación artística. O obxectivo é promover o coñecemento, intercambio e colaboración entre artistas con formacións diversas pero confluentes.

Neste ano que a Ragba dedica o Día das Artes Galegas ao escultor Francisco Asorey, os proxectos, baixo o título xenérico de “A pedra: tempo e materia”, desenvólvense arredor da temática deste material especialmente vencellado á obra do dito escultor.

Te puede interesar