O Concello de Redondela promove o uso da lingua con “Medrando co galego”

Digna Rivas amosando os elementos que forman a caixa “Medrando co galego”.
photo_camera Digna Rivas amosando os elementos que forman a caixa “Medrando co galego”.

Entre o material inclúese “A Cápsula do tempo”, un caderno no que os nenos irán escribindo ao longo de todos os cursos e que recibirán cando rematen 6º de primaria

A Concellería de Normalización Lingüística está a facer entrega ás familias dos novos alumnos de Educación Infantil das caixas de agasallo “Medrando co galego” un proxecto pioneiro que se puxo e marcha hai dous anos para promover o uso do galego na infancia. Esta iniciativa é unha idea orixinal do departamento que dirixe Digna Rivas e que achega aos nenos libros e contos que fomentan o uso do galego, unha bolsiña da merenda, lapis de cores ou unha friameira. “Trátase de ofrecer ás familias obxectos útiles, que os nenos e nenas poidan usar na súa vida cotiá con lemas en lingua galega”, explicou a alcaldesa. 

Entre o material desta caixa de agasallo está “A Cápsula do tempo”, un caderno que acompañará ao alumnado ao longo de todo o ciclo de ensino Infantil e Primaria. A rapazada irá completando cada curso este caderno, que quedará gardado na escola, e cando rematen 6º de primaria, no acto de despedida entregaráselles a cada un o seu libro “que será un recordo vivo do paso pola escola e tamén da súa relación coa lingua galega” sinalou Rivas. 

As caixas “Medrando co galego” son o resultado dun traballo colectivo entre o Servizo de Normalización e os equipos de dinamización dos centros escolares públicos de Redondela aos que Rivas “agradece a súa colaboración e participación, así como o interese dos equipos directivos dos distintos colexios que solicitaron participar”. 

Dentro dos libros escollidos atópase os contos de Kalandraka cos cales aprenderlles palabras en galego; un libro dirixido aos pais e nais no cal se tratan cuestións sobre a situación social da lingua galega e os beneficios da educación bilingüe. Rivas engadiu que “esta iniciativa ten a intención de contrarrestar a perda de galego falantes, unha realidade constatada dende hai anos”.

Te puede interesar