Trens turísticos, para gozar da paisaxe, a cultura e o patrimonio

Un dos trens turísticos, nunha estación.
photo_camera Un dos trens turísticos, nunha estación.

Os roteiros percorren a comunidade amosando natureza viva, miradoiros ante os que se renden as olladas

Galicia ten moito por amosar. Non só paisaxes, cultura, gastronomía, patrimonio, mar e tantos outros activos, senón que tamén se afana en crear auténticas experiencias turísticas capaces de sorprender ao visitante máis curioso e esixente.

É o caso dos roteiros de Trens Turísticos que durante os meses de verán percorren Galicia enteira descubrindo paraxes, amosando natureza viva, miradoiros ante os que se renden as olladas, faros que comunican co horizonte lonxano e por suposto patrimonio arquitectónico que esperta do seu sono eterno para ocupar un lugar no presente e cativar ao visitante coa súa historia e tradición.

Nunha iniciativa de Turismo de Galicia en colaboración con Renfe, cada roteiro ten unha duración dun día. O visitante ou turista participante pode gozar dun percorrido deseñado especificamente para poñer en valor os atractivos turísticos desa zona. Ademais do billete en tren e das entradas aos puntos de interese, un servizo de guías oficiais de Galicia ocúpase de contar o máis relevante de cada enclave.

Trátase dunha iniciativa que está a ter un importante impacto, con practicamente a totalidade dos billetes vendidos. Así, o Roteiro dos Faros percorre o norte de Galicia e visita Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, o Santuario de Santo André de Teixido e o Cabo Estaca de Bares. Os participantes tamén poden coñecer Viveiro e os cantís de Loiba. Este itinerario do Roteiro dos Faros desenvolverase o 6 e 20 de xullo, o 3 e 31 de agosto e o 7 de setembro.

Tamén durante o mes de xullo se poderán realizar os roteiros MEGA A Coruña de 1906, o dos Pazos e Xardíns Históricos e o dos Queixos de Galicia. En agosto, os interesados poderán coñecer todo o que xira en torno ao percorrido polas Rías Baixas e tamén realizar os roteiros das Mariñas e o da Lamprea.

Roteiros por Ourense

Na provincia de Ourense, o Roteiro dos Mosteiros iniciase no aclamado ‘Versalles galego’, o barroco Pazo de Oca, onde o visitante se deixa sorprender polos impresionantes xardíns. De aí diríxese ao Mosteiro de Carboeiro, convertido nos últimos tempos en plató cinematográfico e xa no Carballiño, o Templo de Veracruz, símbolo destas terras, recibe ao turista que tamén pode visitar o Gran Balneario e dar un paseo polo paseo do río Arenteiro. Como broche final está a visita ao Mosteiro de Oseira, o primeiro cisterciense galego. Este roteiro pode realizarse o 13 de xullo.

Templo da Veracruz, en O carballiño, forma parte dos roteiros por Ourense.
Templo da Veracruz, en O carballiño, forma parte dos roteiros por Ourense.

O percorrido polo Ribeiro, que será o 27 de xullo, combina dous territorios, o da denominación de orixe do Ribeiro e o das Rías Baixas, con degustacións de viños da adega Señorío de Rubiós e unha visita a medieval vila de Ribadavia e o seu castelo. Tras unha visita ao Museo do Viño de Galicia, na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, en plena comarca do Ribeiro, o roteiro discorre polo castro de San Cibrao de Las, para rematar na estación ferroviaria de Santa Cruz de Arrabaldo, convertida en museo. 

17 de agosto

Finalmente, o 17 de agosto desenvolverase o Roteiro do Viño Monterrei, que inclúe unha degustación destes caldos no Castelo de Monterrei, un espazo que traslada ao visitante á Idade Media. O percorrido inclúe ademais unha visita á adega Terras de Gargalo e á vila de Verín antes de continuar cun paseo por Allariz. Unha degustación de queixos no Ecoespazo de Rexo e unha visita á Colexiata Xunquería de Ambia será a antesala dun final do percorrido na estación de ferrocarril de Baños de Molgas, hoxe espazo museístico.

A programación dos Trens Turísticos de Galicia xunto con a información para a compra de billetes pódese consultar na web de Turismo de Galicia, aínda que os billetes tamén se poden comprar en calquera estación de Renfe.

Te puede interesar