Feria del Libro 2024

Fenómeno fan tamén na literatura en Vigo

Ledicia Costas volveu a provocar colas na Feira do Libro na sinatura da súa última novela.
photo_camera Ledicia Costas volveu a provocar colas na Feira do Libro na sinatura da súa última novela.
Ledicia Costas é unha das escritoras máis buscadas na Feira do Libro que esta semana está na Alameda

A festa das Letras vívese con entusiasmo na Alameda. Os primeiros días da Feira do Libro están a ser un éxito en asistencia de público e unha demostración de fenómeno fan. Cun programa cheo de nomes de referencia la literatura galega, a escritora viguesa Ledicia Costas volveu a ser das máis buscadas. Ten asegurada a súa presenza nas casetas ata o xoves. “Co día de praia que está, é moi especial que veña tanta xente, participo cunha ilusión enorme despois do desgusto do ano pasado coa localización no Calvario”, afirmou a autora, que onte e antonte asinou exemplares dos seus libros: “O pulso da feira está sendo moi bo en todo, cunha grande afluencia de lectores, sen eles non temos nada que facer”.

Recoñece estar encantada coa situación desta edición, onde as casetas regresaron tras dez anos percorrendo a cidade. “A Alameda é un dos sitios máis bonitos de temos, está desaproveitada, é acolledora e tan bonita; hai moitos autores importantes, moito movemento, moitos nenos na actuación de Pakolas”.

Ledicia Costas recibiu na feira un agasallo: un exemplar da segunda edición de “Pel de cordeiro” coa faixa dos 5.000 exemplares vendidos en menos de dous meses. “Estou impresionada, moi sorprendida coa acollida. É un motivo para estar contenta, sempre nos estamos laiando dos problemas do sector ou do teito que supón escribir en galego, pois as cousas boas tamén hai que dicilas e esta é unha moi boa”.

“Pel de cordeiro” é a primeira incursión da escritora no mundo da fantasía nun libro para adultos. “Gústame experimentar, creo que ten que ver coa personalidade, cada libro é un reto e con ‘Pel de cordeiro’ quixen saír da zona cómoda”.

O primeiro día estivo tres horas asinando exemplares na caseta de Cartabón, quedando media hora máis do peche. Onte, na libraría Pedreira foi semellante. Hoxe haberá outra oportunidade para desfrutar da autora, que conversará coa xornalista Tamara Novoa, ás 19:15 horas, na carpa de actividades. Mañá, ás 20:15 horas, participará na presentación de “Os anos tranquilos”, de Llerena Perozo, do que asegura “é un libro fantástico”.

Antón Reixa foi outro dos autores que se deixaron ver polas casetas. En Cartabón asinou a súa última publicación, “Enciclopedia Perplexidade”, unha escolma da súa poesía de 1976  a 2023, realizada por Xabier Cordal e publicada por Kalandraka.

Defreds, Lara Serodio,Stella Maris González Balbuena, Luis Davila ou Alex Alonso forman parte da programación de hoxe, protagonizando encontros cos seus lectores de xéneros diversos, dende a poesía, a literatura erótica, banda deseñada ou propostas de humor negro.

Te puede interesar