Carrodeguas e Castiñeira: "Fraga foi un animal político, pioneiro na comunicación cos media"

Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeira, en AtlánticoTV.
photo_camera Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeira, en AtlánticoTV.
“É unha obra moi crítica co personaxe e autocrítica co pobo que cala, escoita o que quere e vota a quen vota. Expón moito do que se silenciou”, din os responsables da compañía teatral ButacaZero

Os veciños de Navia, Esther Carrodeguas (E) e Xavier Castiñeira (X), están ao fronte da compañía teatral ButacaZero. A súa última montaxe, “Iribarne”, unha revisión en clave de humor de Manuel Fraga, pecha a primeira tempada o 27 do mes que ven na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), mentres procura un escenario vigués onde representar.  Cun elenco integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Mónica García, Anxo Outumuro, Lidia Veiga e a propia Carrodeguas, a peza está a ser un éxito de público e crítica, tal e como o contaron os seus autores en AtlánticoTV.

 

 

Como deciden fundar ButacaZero?

E. É a nosa profesión. Cando queres desenvolver a carreira en teatro hai que asumir  que é difícil optar a traballos externos, faise inevitable ter unha compañía propia. O duro é manterse no tempo neste sector.

X. Os cinco primeiros anos son horrorosos, trabállase dende a precariedade e a auto-explotación. É algo de longa duración a velocidade de carreira. A partir dos dez anos empézase a ver a luz.

“Iribarne” é a súa actual proposta, escrita por Esther e dirixida por Xavier. A quen se lle ocorre montar unha obra sobre Fraga?

E. Foi unha idea medio tola que se me ocorreu un día. No 2022 facíanse 100 anos do seu nacemento e dez da súa morte. Pareceume incrible que un personaxe así caese na desaparición pública tan pronto, alguén que estivo tan presente, que foi tan potente. E  un pouco de riso, pensei que merecía unha revisión, unha tolería que non iamos facer, pero fixémola. 

Achégase entón na vida persoal e privada de Manuel Fraga Iribarne?

X. Si e non. Tratamos máis a vida política que a persoal. El mesmo dicía que era un 99% político e un por cento, persoa. Usamos datos familiares ao principio para contextualizar certas cousas, pero dende que entra no Goberno de Franco centrámonos na súa faciana política.

E. Non é unha biografía ao uso. Chega ata tres meses antes da súa morte, porque ata entón foi senador. As súas memorias son só datos: “comín con tal, ceei con cal, cacei ou pesquei con este político”. Non hai unha reflexión, nin reflicte a vida persoal, son as súas vivencias políticas. Non tiña tempo para máis e era moi ciumento da súa intimidade. 

Como definirían a Fraga?

E. Foi un animal político sen dúbida, pioneiro no uso dos medios de comunicación de xeito moi moderno en cada momento. Agora estaría activo en TikTok ou Instagram e iría a “El Hormiguero”, xa fixo algo semellante con La Trinca antes dunhas eleccións europeas as que se presentaba. Cría na política dende os media, nisto tamén foi pioneiro. El dicía que se nos pensamos que somos modernos e se Europa tamén o pensa, acabaremos séndoo. É a posverdade, usouna moito antes de que o fixeran outros: Vendía unha imaxe, considerando que así nos converteríamos niso.

X. Foi un home de altas capacidades, unha memoria incrible e un traballador incansable. A súa ideoloxía é outra cousa, pero tiña gran capacidade intelectual e era unha persoa extremadamente preparada.

“Iribarne” é unha obra crítica?

E. É moi crítica. Expón moitas cousas que se silenciaron. Como dramaturga foi unha descuberta. A peza é antifranquista e antifascista. Expóñense tódalas súas accións en defensa do franquismo e o público ten que sacar as súas propias conclusións. Ten moito de crítica, pero tamén de autocrítica como pobo que cala, escoita o que quere e vota a quen vota. A crítica non é so co personaxe, sería moi sinxelo, senón tamén con nós e co noso presente

X. É unha sátira política, pero sobre todo sinala ao pobo que ten a decisión final. 

Acaban esta primeira tempada no MIT de Ribadavia tras representar por medio Galicia, empezando por Vilalba, a vila natal de Fraga. Como foi recibida alí?

X. A primeira vez que a fixemos en Galicia foi en Vilalba, queríamos un sitio importante. Alí aínda hai moito rencor e foi unha resposta ovacionada. Viñamos de Madrid, onde a retranca se entende de aquela maneira, o humor aquí entrou directamente. Foi moi liberador, sentimos a catarse dun pobo. 

E. En cada vila as funcións acaban co público en pé. Houbo un traballo de investigación enorme e a recepción está a ser moi boa e en Vilalba non foi doutra maneira. No auditorio non estaban só os veciños de Vilalba, moitos desprazáronse para estar alí e significarse, algúns foron tres ou catro veces a ver unha obra que dura tres horas. Por outra parte, moitos non foron porque non se querían expor, queda a lembranza da súa figura caciquil.

 Esta montaxe semella ter un valor que transcende o teatral.

X. Ten un valor moi diferente a calquera outra obra, é unha análise sociopolítico na nosa terra. Foi presidente de Galicia 15 anos, contribuíu a construir a Galicia democrática e tamén a de España. Hai moitos que viviron ese proceso como público e agora queren ser espectadores desta peza que o reconta. Estamos enchendo os auditorios con teatro galego, algo moi raro. A peza, aínda que ten moitos datos, é moi divertida. Está sendo un evento sociopolítico máis ca unha representación teatral.  Serve para comprendernos mellor como pobo.

Está a funcionar ben, pois?

E. Moi ben. Tamén traballamos moito e loitamos por lograr unha captación de fondos. Este era o momento de contar isto. 

X. Amais dun elenco fantástico, pero tamén é certo que as circunstancias históricas axúdannos. Cando representamos en Madrid coincidiu co tema da amnistía, na obra fálase de amnistía; é dun partido de dereitas e volve a dereita. Vese como a realidade reflíctese na peza. A historia cóntase dende a nosa peza. 

E. Estreamos o 12 outubro en Madrid, unha data significativa e fomos collendo un montón de actos da vida política que entronca co que nos imos contando: a investidura errada de Feijoo, a investidura de Pedro Sanchez con tódalas manifestacións en contra; o xuramento da princesa; as eleccións de aquí e as catalanas. Explica como chegamos ata aquí.

Non é un pouco frustrante que se cambiase tan pouco?

X. Agardo morrer sen un goberno galego de dereitas en maioría, por variar.

Te puede interesar