Os Premios Otero Pedrayo recaen en centros a ambas beiras da Ría

Patricia Fernanda García, coa profesora Luz Beloso, do IES As Barxas
photo_camera Patricia Fernanda García, coa profesora Luz Beloso, do IES As Barxas
Distinguíronse os traballos de Patricia Fernanda García, do IES AS Barxas de Moaña e Alexandre Faria, do IES Castelao

A segunda edición dos Premios Otero Pedrayo falláronse onte, distinguindo a dous alumnos de institutos de ambos lados da Ría. Na categoría de ESO, a  galardoada foi Patricia Fernanda García Pereira, do IES As Barxas de Moaña, pola súa curtametraxe baseada no relato “O vello e mailo río”. Chegada de Venezuela hai algo máis dun ano, o seu principal problema foi o idioma, “custoume moito traducilo ao castelán para entendelo mellor, axudáronme a miña nai e a miña avoa; gustoume interpretar o río como a vida e o rapaz como quen esta a ver o seu futuro”. Coñecía ao autor porque este ano o comezou a estudar na clase coa Xeración Nós.

Animouse a presentar una peza audiovisual porque é unha apaixonada da animación. Utilizou unha app gratuíta da súa tablet para montar a estrutura, perfeccionando e dando fluidez con programas específicos. Cunha paleta de cores frías recreou o mes de novembro e coa voz en off da súa profesora completou a narración. “Encantaría poder adicarme profesionalmente a isto”.

Ocupou as vacacións do Entroido a rematar o traballo, aínda que os coñecementos básicos adquiriunos durante o recreo, asistindo ao obradoiro voluntario de animación con software 2D, impartido por Luz Beloso: “Estou moi orgullosa de Patricia porque sei o que traballa esta rapaza, ten paixón por este mundo”. Beloso recoñece que chorou cando lle comunicaron o premio.

Alexandre Faria Lézico, estudante de bacharelato no IES Castelao de Vigo foi premiado polo su relato “O conto número 21”. Vigués de nacemento, procede dunha familia portuguesa, polo que soubo de Otero Pedrayo na aula. “É un personaxe que espertou a miña curiosidade, pensei que sería interesante ler algún relato”. Finalmente escolleu “Contos do camiño e da rúa” para inspirar o seu propio conto: “Gustoume a adaptación do personaxe ao cambio de época; ambientei o miña historia na actualidade, onde unha vella observa como muda o mundo que ela coñece nunha aldea galega que se moderniza”.  Contou co asesoramento e o apoio do profesor Ramón Nicolás que o animou a participar no concurso. Faria quere estudar maxisterio e soña con converterse en escritor: “Xa teño escrita a miña primeira novela, estou a procura dunha editorial”.

O premio Otero Pedrayo ao mellor traballo en grupo recaeu no IES Dionisio Gamallo Fierros, de Ribadeo.

Te puede interesar