Feria del Libro 2024

Alex Alonso, o escritor que volve a casa coa Feira do Libro

Alex Alonso, durante a sinatura de libros onte na Alameda.
photo_camera Alex Alonso, durante a sinatura de libros onte na Alameda.
Asinou exemplares de “O estranxeiro”, a versión viguesa da obra de Camus

“Estou moi contento de vir a Vigo, eu son vigués, pero vivo en Pontevedra e sempre é un pracer participar na Feira do Libro e moito máis na Alameda, onde ía de neno; nada que ver coa do ano pasado, onde estiven con 'Bulling”. Alex Alonso amosouse así de encantado onte. Foi un dos escritores que participaron nos encontros organizados polas casetas.

A súa última publicación, “O estranxeiro” foi distinguido co Premio Loureiro Rey, co que fixo unha homenaxe a obra do mesmo título de Albert Camus, un libro que recoñece, marcoulle moito. “Fíxome reflexionar; na súa narrativa, non sabemos moi ben se escribe en serio ou en broma, co meu libro pretendín facer una versión á viguesa”. Tildada como unha obra con toques surrealistas, conta a historia de Manuel María Pereira Nespereira, que acaba coa vida dun home nos servizos da estación de autobuses da cidade mediante o infalible método de meterlle a cabeza dentro dunha bolsa de plástico. “Quería que fora unha proposta amena e divertida, aínda que sexa con humor negro”.

Alonso vén de quedar finalista no Premio Xerais de Novela con “O teito de pedra”, un título que reproduce o primeiro verso de “Longa noite de pedra”, de Celso Emilio. Será a vindeira en saír do prelo. “Procuro non falar do que estou facendo, nunca digo o que escribo porque sempre o fago para min e non sei se finalmente verá a luz”. Neste caso, aborda a represión fascista en San Miguel de Oia e nas parroquias lindeiras, inspirado na publicación de Bernardo Vázquez Acuña, “Memorias dunha parroquia republicana”. “Gústame que quede aí para os meus veciños”, afirma.

Hoxe estarán na Feira do Libro José Manuel Hidalgo Cuñarro, Llerena Perozo, Francisco Castro o Amara Castro, entre outros.

Te puede interesar