Tatán, desde Vigo: “Viva a República das boa e xenerosas!”

A marcha pola República percorreu o centro de Vigo, reunindo a uns mil manifestantes.
photo_camera A marcha pola República percorreu o centro de Vigo, reunindo a uns mil manifestantes.
Unha marcha en lembranza da proclamación da II República e en reivindicación dunha terceira percorreu as rúas do centro de Vigo

O actor redondelano Eduardo Alberto Rodríguez Cunha, coñecido como Tatán, foi o encargado de ler o manifesto onte, no Día da República. “É unha honra que conten con alguén da cultura para isto e para posicionarse en determinados aspectos da política; que fagamos películas ou traballamos con monicreques non nos fai estar alleos do que acontece”, afirmou en declaracións a Atlántico.

A marcha en lembranza da proclamación da II República e en reivindicación dunha terceira percorreu as rúas do centro de Vigo, dende Vía Norte ata Porta do Sol, convocada por Asamblea Republicana de Vigo. Participaron uns mil manifestantes, segundo fontes da organización. Foi unha data moi especial xa que se cumpliron dúas décadas dende a primeira concentración destas características que realizou a Asamblea. “Espero que non se cumpran outros 20 anos”, apuntou Tatán, especialmente emocionado.

Destacou a coincidencia doutra efeméride, o cincuenta aniversario da revolución portuguesa dos caraveis, “foi un acto pacífico que abríu os territorios da liberdade”. Asemade, o actor relacionou a súa participación nesta reivindicación co seu traballo na película de Miguel Ángel Delgado, “San Simón”, sobre os presos no antigo lazareto. Hai unhas semanas se rodou, entre outras localizacións, na coñecida como a Illa da Memoria e na ETEA. “É un asunto que me atañe directamente por cuestións familiares”, dixo.

Se somos republicanos é porque amamos e queremos a liberdade de expresión, e porque temos memoria e a reivindicamos, e porque ofrecemos a nosa casa a quen procura refuxio, porque somos críticos cos poderes impostos”, afirmou no manifesto que leu, xunto á rúa adicada á II República, a das escaleiras mecánicas que suben ata a rúa Abeleira Menéndez.

Declarou non ter medo e só pedir xustiza. Lembrou a Humberto Baena e aos seus compañeiros; a Manuel Barros, a Raimundo Cal, ao seu pai, Santiago Rodríguez Salinas, Suso de Toro, Lola Galovart, á familia Francés de Porriño, a Félix Cal ou a súa avoa Antonia, mestra republicana. Tamén tivo tempo para denunciar que “hoxe estamos asistindo a un xenocidio en directo, cometida polo nazisionismo que dirixe o ilegal estado ocupacionista de Israel”. Clamou polo fin da ocupación de Palestina e mandou o seu apoio á República do Sáhara. “Viva a República das boas e xenerosas!”. 

O seu discurso incluirase no libro que a Asamblea prepara cos manifestos dos 20 anos de concentracións.

Te puede interesar