Cura e sindicalista na industria viguesa

El Padre Bieito Santos, coa máscara de soldador.
photo_camera El Padre Bieito Santos, coa máscara de soldador.
Silvestre Gómez e Francisco Domínguez recuperan a figura do Padre Bieito Samos cunha publicación 

O Padre Bieito Santos, xesuíta activo en Vigo dende os anos 70, exerceu a súa misión como cura obreiro. Crego e sindicalista, trala marcha da Compañía da cidade, vive dende a súa xubilación na residencia parroquial da Guía, e aínda con 83 anos, segue oficiando misa. Silvestre Gómez e Francisco Domínguez recuperan a súa historia en formato entrevista na colección “Testemuños" da editorial Sept. 

“Foi un personaxe moi recoñecido polo seu traballo social e tamén polo seu labor de ministerio; o seu testemuño achega algo que lle dicir á xente, polo seu compromiso e entrega ao servizo dos demáis”. Silvestre Gómez coñeceu ao Padre Bieito en Xesuítas.

Os curas obreiros naceron á raíz da Segunda Guerra Mundial, foi un movemento que se desenvolveu en Francia e chegou a España. Nos 70, houbo un grupo afincado en Vigo, concretamente en Teis, no barrio das Flores. Había cregos traballadores de Álvarez, carteiros e tamén estaba Bieito Santos. “A nosa misión era transmitir a mensaxe de dignidade de toda persoa traballadora e de todo traballo; é unha filosofía de vida que se pon en acción”, afirma o cura obreiro nos seus testemuños. Na longa conversa quedan recollidas confesións como as primeiras dúbidas ante a vida relixiosa. “Non me gustaba a figura do sacerdote, era problemática diante da xente. Non me agradaba o cura que eu podía ver na parroquia, non digo que foxe mala persoa, pero era despótico no trato”.

Con estudos en filosofía e teoloxía, ordenouse presbítero nesta cidade en 1969 e asumíu o que el denomina “unha maneira de vivir o sacerdocio”. Así, despois de pasar pola mina e pola construción, entrou a traballar como peón en Ascón. Converteuse en delegado sindicalista con USO. “Paréceme moi positivo o que fixemos dende o sindicato, un labor formativo importante entre os traballadores para analizar a situación da empresa, a intención era a procura de solucións para todos”.

Estivo directamente implicado nas loitas dos traballadores durante a reconversión, acabando en prisión, episodio do que tamén fala abertamente. “Como consecuencia das mobilizacións pasei polo Tribunal de Orden Público, a policía púxose a mallar na xente e eu empecei a berrar, a protestar e tamén me detiveron; non tiñan constancia de que fixera nada delitivo, para mín non pasou dun susto, pero daquela houbo moita xente que o pasou moi mal”.

Cando Ascon reabre en outubro de 1978, despois de case 8 meses pechados, pon como condición o despedimento dos sindicalistas, o Padre Bieito foi un dos sinalados. “O conflicto foi longo e tivo moito eco, así que os obreiros que saímos marcados por ese proceso dificilmente íamos ter a oportunidade de sermos contratados. Pero a cooperativa abríu outras perspectivas”.

Deste xeito pechou un capítulo dunha vida apaixoante, vencellada á cidade e as súas demandas laborais.  Despois de militar activamente en USO, o sindicato moi achegado aos movementos sociais da Igrexa, mantivo o súa entrega como representante dos traballadores, pero coa CIG. Tras ingresar no Sergas, xubilouse como enfermeiro do Meixoeiro.

Este venres, ás 19 horas, Silvestre Gómez e Francisco Domínguez, da editorial Sept, presentarán o libro “Conversas do Padre Bieito Santos. Cura obreiro”, onde fai repaso a toda una vida de reivindicacións e loitas tanto físicas como espirituais

Te puede interesar