“Hai moito mito coas mulleres nas conserveiras”

Pablo Molejón-Fontán amosa a foto da súa avoa, Rosa Monteagudo, no artigo da revista “Mazarelos”.
photo_camera Pablo Molejón-Fontán amosa a foto da súa avoa, Rosa Monteagudo, no artigo da revista “Mazarelos”.
O historiador Pablo Molejón-Fontán analiza ás traballadoras nas fábricas viguesas de mediados do XX dende unha perspectiva social

“Historia de boleros e pobreza. Experiencias dunha moza conserveira (1946/1964)” é o artigo que Pablo Molejón-Fontán sobre as traballadoras nas fábricas viguesas de mediados do século XX. “A miña avoa foi empregada dunha conserveira e levoume a investigar, serviume de escusa para falar do traballo feminino nesta industria durante o franquismo”. 

Recupera así a figura de Rosa Monteagudo, movido por un interese máis persoal que académico, aínda que sinala unha lagoa no achegamento ao tema dende un punto de vista social. “A base económica das conserveiras está ben definida en estudos de Xoán Carmona ou de Luísa Muñoz, que incorpora unha perspectiva de xénero, pero falta unha análise da súa dimensión social e cultural”.

Molejón-Fontán considera que “hai moito de mito”, cando se fala das conserveiras como a primeira oportunidade laboral para as mulleres. “Aínda que este era o máis coñecido, nesa época, en Vigo había moito emprego feminino noutras industrias ou en limpeza de locais”. A principal contribución do seu artigo é como o espazo laboral e o doméstico se desdebuxaba. “Para as mulleres non existía unha fronteira clara entre os dous, eran xornadas moi duras e precisaban dunha rede de apoios tanto dentro como fóra da fábrica para poder cumprilas”. Así, pon de exemplo como as veciñas levaban os fillos á nave para as nais lles puideran dar de mamar as agachadas ou como descansaban por quendas para xantar no baño, mentras as compañeiras vixilaban por se viña o capataz. “Non sei se tiñan conciencia de clase, pero si de traballadoras, establecen lazos de solidariedade contra o patrón para sobrevivir. É unha xeración marcada pola cultura de non dicir nada, nen se posicionar en política, polo que é complicado saber se había unha ideoloxía detrás”.

O artigo sobre Rosa Monteagudo é a achega viguesa no último número da revista de historia e cultura “Mazarelos”, editada polo tamén historiador Brais Ferreiro, veciño de Chapela. Onte presentouse na libraría Cartabón.

Te puede interesar