Prado non ve posible chegar a “puntos de acordo” co BNG

A secretaria xeral do PPdeG, onte en Santiago.
photo_camera A secretaria xeral do PPdeG, onte en Santiago.
A secretaria xeral do PPdeG sinala a Pontón e di que “segue sen asimilar que foi Rueda quen gañou”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, dixo onte que o ofrecemento de diálogo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, formalizou no debate de investidura era “sincero”, aínda que admitiu que o ve “difícil” dada a actitude que, ao seu modo de ver, mostra a oposición, especialmente o BNG. En concreto, Prado referiuse á líder nacionalista, Ana Pontón, da que, lembrou, “leva 20 anos na oposición” e coa que non é “posible” atopar “puntos de acordo”. Como argumento, incidiu en que esta semana se puido ver un BNG “desposuído de moderación”.

En todo caso, a pesar de velo “difícil”, reiterou que aos populares gustaríalles que fose “posible” alcanzar acordos co resto de grupos. Máis aló, en clave de balance, manifestou a tranquilidade dos populares ante o “programa de goberno a longo prazo” presentado polo presidente e o compromiso de “cumprir a palabra dada” na campaña do 18 de febreiro. “Fronte aos do non a todo, seguiremos sendo o único partido do si a Galicia”, garantiu. “O presidente Rueda presentouse ante os galegos coa experiencia de quen leva anos traballando polo benestar dos galegos, coa responsabilidade de quen é consciente do moito que conseguimos xuntos e dos retos que temos por diante, e coa ilusión de quen quere encabezar o proxecto colectivo de construír a Galicia da próxima década”, afirmou.

“Todo o que foi dito será feito”, garantiu, antes de enumerar algunhas das medidas comprometidas polos populares no seu programa electoral e que Rueda converteu en compromisos parlamentarios durante o debate de investidura. A secretaria xeral do PPdeG afeou aos partidos da oposición que xa tivesen decidido a súa postura antes de escoitar ao presidente Rueda e ironizou con que nin o BNG nin o PSdeG obtiveron o apoio dos galegos nas urnas porque “se presentaron ante eles escondendo o seu programa ou presentándose co programa doutros”.

Sempiterna candidata

A continuación, censurou que Ana Pontón “segue sen entender nada”. “Segue presentándose como sempiterna candidata a unha investidura hipotética que nunca chega por moito que a busca e, ademais, nótase que non sabe o que é unha maioría porque segue sen asimilar que foi Alfonso Rueda quen gañou as eleccións por maioría absoluta”, reprobou.

Así, Paula Prado aconselloulle á nacionalista que “dedique menos tempo a faltar o respecto aos máis de 700.000 votantes do PPdeG e máis tempo a reflexionar sobre os motivos que a levaron a engadir catro anos máis ás súas dúas décadas na oposición”.

Te puede interesar