Cinco mil ascensores en risco de ter que parar desde xullo

As empresas de mantemento deberán informar á Administración galega.
photo_camera As empresas de mantemento deberán informar á Administración galega.
Un 8% dos elevadores que hai en Galicia non teñen en regra a inspección técnica, obrigatoria a partir do 1

Uns 5.000 ascensores en funcionamento en Galicia que non teñen a inspección técnica periódica obrigatoria en regra están en risco de paralizarse a partir do próximo día 1 de xullo, data na que entra en vigor a nova Instrución Técnica Complementaria (ITC) que regula este tipo de maquinaria.

Precisamente, para abordar esta nova normativa, a Asociación Galega de Ascensores (AEGA) celebrou onte en Santiago de Compostela unhas xornadas empresariais, con presenza tamén da Xunta de Galicia, na que se pediu ao Goberno que adopte algún tipo de medida para ampliar o prazo de entrega en vigor desta normativa e evitar a paralización destes 5.000 aparellos e o que tanto AEGA como a Administración autonómica cualificaron como “5.000 traxedias” para os veciños dos inmobles afectados.

No acto, ademais da presidenta de AEGA, Ángeles Ríos, participou o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta, Nicolás Vázquez.

Na súa intervención, Ángeles Ríos explicou que a normativa aprobada polo Consello de Ministros en abril actualiza as medidas de seguridade que deben ter os 65.000 ascensores que están en funcionamento en Galicia, algúns deles con “máis de 30 anos de antigüidade”. Segundo explicou, destes 65.000 ascensores, un 8%, uns 5.000, non teñen en regra a inspección técnica, polo que os propietarios ou as comunidades de veciños deben de contactar con algún organismo de control e contratala para evitar que sexan paralizados o próximo 1 de xullo. A partir de aí, disporán dun maior prazo para adaptar as súas maquinarias segundo as necesidades que se detecten en cada control.

“O organismo de control chequeará se esas medidas que se esixen están incorporadas no ascensor porque é novo ou se, por ser máis antigo, é necesario mellorar cuestións como a nivelación cando chega a planta ou incorporar a liña de teléfono”, explicou onte a presidenta de AEGA, e incidiu en que “estás medidas si serán máis paulatinas”. 

E é que, como insistiu, o “máis urxente” e no que se pon “o foco”, é en que ás 24 horas caduca esa inspección, polo que a “empresa mantedora ten a obrigación de paralizar o ascensor e informar á autoridade competente, neste caso a Consellería de Industria ou a delegación de Industria correspondente”. O sector incide na necesidade de chegar ao 100% dos titulares de ascensores, das comunidades de propietarios e dos administradores para que teñan o coñecemento e poidan previr a situación.

Te puede interesar