Xabier Díaz: "Non me sinto cronista de bandas mozas, senón partícipe; a música de raíz recupera o seu espazo"

Xabier Díaz no set de AtlánticoTV.
photo_camera Xabier Díaz no set de AtlánticoTV.
Cantante, compositor e compilador de música tradicional, formou parte de Xacarandaina, Nova Galega de Danza ou Berrogüetto

Xabier Díaz (Coruña, 1969)  presenta o último disco “Axúdame a sentir” este sábado en directo no Auditorio Mar de Vigo. Cantante, compositor e compilador de música tradicional, formou parte de Xacarandaina, Nova Galega de Danza ou Berrogüetto. Pasou polo set de Atlántico TV para falar dunha xira que inicia en Vigo.

 

 

É o cuarto proxecto con Adufeiras de Salitre que leva por título unha frase da súa avoa, como sempre moi vencellado á tradición.

“Axúdame a sentir Xabier" era o que me dicía a miña avoa materna diante dunha adversidade, como que lle axudase a levar a pena ou superar unha pequena crise. Estamos moi ilusionados con este álbum que, como os outros, é unha sorte de declaración de amor ao lugar onde vivimos, á terra e, por extensión, ao que nos deixaron os devanceiros, ese xeito de relacionarnos, o amor polo propio e polos habitantes deste recuncho do noroeste.

Xa son dez anos de colaboración coas Adufeiras. Como se enriquecen entre si?

Creo que me enriquecín máis eu que elas. Aprendín moito da súa xenerosidade, complicidade e paixón; dese xeito de afrontar os momentos nos palcos, nos avións ou nas furgonetas. Elas de min, quizais obtiveron conceptos musicais, xa que eran alumnas que viñan as miñas clases de percusión. Esta relación é un troco de ida e volta.

Estamos a vivir a idade de ouro da música tradicional?

Con 55 anos xa vivín varias idades de ouro e as súas conseguintes defuncións. Non me atrevo a dicilo, pero agardo que se sosteña no tempo, que non sexa un punto de inflexión. Espero que a música de raíz e a súa fusión permaneza xunto con outros estilos como pasou co flamenco ou co fado. É síntoma de saúde que a modo de pingas estea reflectida noutros xéneros musicais.

E precisamente esa fusión a que amosa esperanza.

 Cando me preguntan polas bandas mozas, eu non me sinto cronista, senón partícipe, aínda sendo un dos veteranos. É unha enerxía colectiva moi bonita, a música de raíz está a recuperar un espazo que non debeu perder nunca.

Este cuarto disco é unha proba da vixencia da tradición como fonte de inspiración? 

Cando os creadores facemos un disco, presentámolo e rematamos a xira, xa pensamos que haberá que facer algo novo. Enfrontámonos a unha sorte de precipicio ante a dúbida de se saberemos crear algo novo, sen nos copiar a nós mesmos. Cada disco é unha nova celebración, un novo renacemento. 

Algo que amosarán este sábado no Auditorio Mar de Vigo.

A première volve a ser en Vigo. A estrea do segundo disco tamén foi aí, nun concerto multitudinario, onde recibín moito cariño. Como coruñés faime moita ilusión presentar o disco en Vigo, é romper un pouco unha tradición, un molde preconcibido, aquí sempre me trataron moi ben.

E se coa música non fose dabondo, tamén hai degustación de viño.

Hai tempo que soño con vencellar un viño a un álbum, e puiden facelo grazas a denominación de orixe Ribeiro. Nunha cata a cega escolleron un caldo para nós, “Filla do Ribeiro. Axúdame a sentir”. Ao cociñar gústame maridar poñéndome un disco novo, é algo moi suxerente. Neste concerto, o público ten a oportunidade de beber o noso propio viño mentres escoitan a nosa música.

Te puede interesar