A viguesa Iria Bravo Fernández aventurouse a facer un catálogo universal comentado a un artista contemporáneo e en activo, ao tamén vigués Ramón Trigo. O vindeiro sábado, día 11, presenta na libraría Cartabón a publicación resultante do seu traballo de fin de grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, da que falou no set de Atlántico TV.
O labor de catalogación é unha nova saída profesional aínda por desenvolver. Dalle un plus á obra dun artista?
Son necesarios para o seu coñecemento e pola falla de documentación que hai dos creadores actuais. O seu estudo é moi complexo pola pouca información sobre eles.
Por que escolleu a Ramón Trigo?
O principal motivo foi a súa accesibilidade. É amigo da familia e resultoume doado chegar ata el, puiden falar con el e facerlle dúas entrevistas, unha gravada, máis polo miúdo. Logo mandoume as fotos das súas obras o que facilitou o proceso.
Un catálogo universal é o que anceia calquera artista e do que carecen moitos consagrados. Cales foron as principais dificultades coas que se atopou?
Ao se tratar dun traballo académico, precisaba moita biografía e ao ser un artista vivo, non hai tantos datos. Tiven que mergullarme en documentación e falar moito con el para acadar a montaxe do catálogo e clasificar as fotografías por épocas. Ao final resultaron unhas 300 páxinas con imaxes en alta definición.
Ramón Trigo toca distintos paus, dende a pintura, pasando pola ilustración ou a banda deseñada. Cantas creacións están clasificadas?
Non sei o número exacto. Recolle a súa produción ao longo de trinta anos, centrándome no ámbito das obras pictóricas. Tamén inclúo un listado cos libros que ilustrou e os que escribiu.
Por que é importante un catálogo artístico?
Pódese ver toda a evolución dun artista. Amosa a súa obra dende os anos 90, cando comezou, ata o ano 2023. Pódese apreciar a diferencia de estilo, de cores, o seu evoluír.
Os catálogos comentados adoitan ter unha crítica de estilo. Entra nesta cuestión?
Ao principio de cada período fago unha contextualización, non tanto crítica, senón descritiva. Puntualizo a técnica usada no momento dende o óleo sobre lenzo ou madeira, tamén falo do estilo e das diferentes temáticas.
Que lle achegaron as entrevistas ao seu estudo?
Foron importantes para profundar na primeira parte do traballo, para coñecer ao artista, de onde vén, como foi a súa nenez e como influíu no que pinta e na súa obra.
Cal é a súa visión de Ramón Trigo tralo seu traballo?
Estou satisfeita e orgullosa ter sacado un catálogo tan completo. Amosa a un artista polifacético, Ramón Trigo fai de todo ata un deseño arquitectónico. É un artista total.
Cal é o destino deste catálogo?
Na presentación do día 11 levarei exemplares para a venda. O decano de facultade confirmou que mercará varios libros para a Universidade de Santiago e logo se poderá adquirir polos vías cotiás.