Fútbol

Diego Martínez, adestrador da selección galega: “Queremos que Iago Aspas sexa o noso capitán"

Diego Martínez presentouse onte como adestrador da selección galega en Balaídos, onde xogará o 31 de maio.
photo_camera Diego Martínez presentouse onte como adestrador da selección galega en Balaídos, onde xogará o 31 de maio.

O adestrador da Irmandiña dixo que será “unha honra” dirixir a Galicia ante Panamá en Vigo

Diego Martínez (Vigo, 43 anos) presentouse onte na súa cidade como novo adestrador da selección galega absoluta, á que dirixirá o próximo 31 de maio en Balaídos fronte á de Panamá. A Irmandiña volve a xogar oito anos despois e o técnico vigués revelou que a idea é que o céltico Iago Aspas sexa o capitán do equipo nese encontro.

 

 

Hai que agradecer aos xogadores a predisposición para poder estar connosco. A Irmandiña está de volta, pero os calendarios son os que son e non vai ser fácil cadrar as axendas polas competicións. Pero falei con varios futbolistas e todo o mundo quere participar desta festa do fútbol galego, aínda que ata que se vaia achegando á data do partido non saberemos con quen poderemos contar”, explicou o ex adestrador de clubes como o Granada, o Espanyol ou o Olympiacos grego.

Martínez no quixo adiantar nomes propios porque “o principal é que os clubes acaden os seus obxectivos e sabemos que é un momento determinante da tempada. Mesmo con aqueles que están en proceso de recuperación -o caso de Denis Suárez, por exemplo-, agardamos que algún deles poida xogar connosco”.

O técnico pensa que “históricamente, este é un dos mellores momentos de talento galego no fútbol” e, aínda que non quixo especular coa posibilidade de que Galicia puidese clasificarse hoxe en día para unha Eurocopa porque “é fútbol ficción”, sinalou que “o que non é fútbol ficción é que Iago Aspas, por exemplo, é un dos referentes do fútbol galego na historia, non só agora. Ogallá poida ser o noso capitán aquí, no seu estadio. Ese é o noso desexo e o que queremos todos”.

A convocatoria da Irmandiña dependerá dos compromisos dos clubes e mesmo da selección española, que xogará a Eurocopa de Alemaña. “Hai xogadores, como Joselu, que son susceptibles de ser convocados por España, pero o que podo garantir é que a disposición é máxima”, dixo o técnico, que recoñeceu que ser o adestrador do combinado galego “é unha honra e teño que agradecer á Federación esta posibilidade de poder participar nun evento que hai oito anos que non se xuntaba. Logo, son vigués, esta é a miña casa, levo moitos anos fora e vou disfrutar deste momento".

Polo momento, descoñécese o horario do partido fronte a Panamá, así como o prezo das localidades, aínda que o presidente la Federación Galega, Rafael Louzán, avanzou que “os prezos serán moi populares” e que a venda das entradas “irá a través da mesma canle que se fai habitualmente para un partido do Celta”.

Te puede interesar