Piragüismo

Manu Ochoa: “Abrín unha porta para que outros tamén a poidan cruzar”

Manu Ochoa acadou a clasificación para os Xogos en kayak cross.
photo_camera Manu Ochoa acadou a clasificación para os Xogos en kayak cross.

"No deporte o que hai que facer é buscar un camiño que se adapte a ti e chegar ós resultados", sinala o piragüista tomiñés clasificado para os Xogos de París en kayak cross

Manu Ochoa (Tomiño, 1998) viviu un mes de xuño de notable intensidade. Primeiro gañou o preolímpico de kayak cross para dar a España unha praza máis nesta modalidade e, unha semana despois, a federación española decantouse por él para cubrila. Así, tras moito traballo, un padaxeiro galego de augas bravas poderá estar nuns Xogos. “Espero abrir unha porta e deixala aberta”, resume. 

 

Como ten planificada a preparación para París?

Nestes momentos estou en París para tomar as sensacións do canal e probar todo o material co obxectivo de ter todo perfecto de cara ós Xogos. Como todos os canais modernos, está feito con módulos de plástico e a auga móvese dun xeito moi particular. Aí xa temos experiencia e imos aproveitala para tomar os datos específicos do de París. As sensacións son boas. É abraiante ver tódalas gradas ós dous lados do canal. Todo vai polo camiño que ten que ir. 

 

Intúe que pode crearse un ambiente notable. 

Espero que si. Hai moitas bancadas, pero non sei se estarán cheas. Espero que si. Sera unha atmosfera bastante particular e grande. 

 

A nivel de ancho, porque no cross van de catro en catro, como é?

Hai puntos máis estreitos e outros máis anchos. Pero non creo que exista problema por iso. En todos os canais hai lugares nos que se estreita máis e outros menos, pero non creo que exista nada particular a nivel de amplitude. Este aspecto non require gran atención.

 

Na súa modalidade, analiza moito ós rivais?

Cos anos de experiencia, xa vas coñecendo a cada un. Sabes quen é máis potente, quen é máis táctico, quen é máis técnico. A partir de aí, fas un perfil e, en función dos emparellamentos que toquen, moldeas a táctica en función do resto de participantes. Practicamente xa coñezo a todos os padaxeiros. Ó ser uns Xogos Olímpicos hai moitos piragüistas bos que xa quedan fóra, pero quedan moitos de nivel e que estarán loitando pola zona alta. 

 

O kayak cross ten de engadido que, ó  ser eliminatorias, un erro non permite recuperar. 

Depende de como actúe o resto. Xa non son os erros ou non. Hai unha parte moi grande que depende de ti, pero outra parte que xa non a podes ter controlada. Polo tanto, tes que facer o que depende de ti perfecto e aproveitarte de todo o que non dentro das posibilidades que poden existir. Se fallas, pero despois outro tamén o fai e provoca un erro para o resto, tes que aproveitalo. Non se perden as opcións ata os últimos metros.

 

Gañou o preolímpico, quedou ben na última Copa do Mundo, ¿ve opcións de estar nos postos altos?

Agora mesmo sei que o nivel está. E teño planificada a preparación para poder ter máis vantaxe. Estou metendo un elemento físico para ter un rendemento superior que pasa por ter forza e potencia de sobra para  a proba. Con sorte, busco ter un pouco máis de renda sobre algúns rivais. Teño que sacar certos aspectos. 

 

É unha tempada de moita carga física, como se atopa?

As tempadas poden facerse un pouco longas e monótonas porque as probas son bastante similares. Neste caso, hai dous aspectos relevantes. O primeiro é que aínda estamos na metade da tempada, que normalmente remata en setembro. Polo que aínda temos enerxía. E, despois, que poder competir nunha proba como esta renova a enerxía. Aínda que poidas estar queimado, se tes unha oportunidade como os Xogos, consegues valorala e pos toda a carne na grella.

 

Unhas semanas despois de confirmar a súa selección para París, como se sinte?

Tras coñecerse, estaba contento. Pero rapidamente tiven que replanificar todo para poder ter o maior rendemento posible nesta proba. Agora estou centrado e tentando ter todos os parámetros controlados. A nivel emocional, non estou deixando que estes sentimentos podían frearme, asustarme ou condicionarme. Así que estou centrado na preparación ó 100%. Si que foron uns días con moitas felicitacións e si que é algo que pode superarte. Pero, despois, acostúmaste á situación. Adaptas todo para que a xente do entorno non interveña na preparación. Non podes deixar levarte por algo externo que poida perxudicarte. 

 

Que é para vostede representar a un club pequeno (Teixugos) e a un lugar como Tomiño?

Esta é a parte boa. Non vou coa sensación de ser máis coñecido nin coa sensación de representar algo grande. Pero si teño a sensación de ter unha capacidade alta de poder inspirar e de saber que podo abrir unha porta que, no futuro, moita xente poida cruzar. A nivel persoal, é o que máis aproveito. Era unha barreira que tiñamos que cruzar os padaxeiros galegos. Somos varios no alto nivel e creo que hai unha boa escola. Por iso creo que quero deixar unha porta aberta para os demais.

E pon en valor o traballo dunha entidade pequena. 

É algo complicado, pero cada vez é menos porque partidos de cero. Non temos instalacións e temos un bo equipo técnico, pero outros clubs de España contan con adestradores que estiveron en Xogos Olímpicos. Por iso creo que esta distancia pode ir rebaixándose con este tipo de obxectivos, como que un piragüista poida ir ós Xogos Olímpicos, que outros entren na selección e espero que, no futuro, poidamos apoiar ó noso deporte de xeito máis específico.

 

Tivo que saír de adolescente da casa e ir a Lleida. Agora chega a recompensa. 

Tampouco hai que centrar todo o deporte na recompensa. Hai que ter paixón polo deporte, buscar as condicións ideais e non quero quedarme aí. Tampouco hai que amosar un sacrificio total por deixar a casa. Creo que eses non son os valores que hai que transmitir no deporte. Os valores non son sacrificarte para buscar un resultado, iso sería moi hipócrita. O que hai que facer é buscar o teu camiño que se adapte a ti e ó teu benestar e que, residualmente, poidas chegar a bos resultados. 

 

E gozar o seu deporte. 

Iso é moi importante. Existen moitos casos nos que se practica un deporte sen desfrutalo e iso é sostible durante unha tempada, pero despois amósase en carreiras deportivas curtas ou en problemas tras a retirada, na transición do deporte.

 

O día que se designou o kayak cross olímpico, vostede xa pensaba que podía facer algo bo aí.

Antes de ser olímpico xa era unha modalidade que gustábame porque tiña unhas características que me atraían. Estaba cómodo e, a raíz das opcións que ían aparecendo e dos resultados, investín máis aí. E estou agradecido pola oportunidade que nos deron porque creo que é acertada. Esta especialidade mete certos compoñentes extra no noso deporte. Ademais o fai máis vistoso e,  para min, é algo positivo.  

 

¿O que máis muda é que son carreiras corpo a corpo?

Si, si, é algo diferente, moi distinto ó que estabamos afeitos. Antes era de sensacións, de técnica e de forza. O kayak cross ten máis contacto e táctica, ademais da forza. É saír un pouco da zona de confort, pero todo se pode adestrar. E no aspecto do corpo a corpo si que os palistas máis pesados temos un pouco de vantaxe. Existen algúns perfís de palistas distintos, que se meten por outros ócos grazas a unhas grandes capacidades técnicas, pero si que é certo que aquí está premiado o equilibrio.

Te puede interesar