A Guarda pide á Xunta planificar máis solo empresarial

A conselleira Lorenzana e o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, na xuntanza.
photo_camera A conselleira Lorenzana e o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, na xuntanza.

O alcalde e a conselleira de Economía e Industria mantiveron a primeira xuntanza na procura de solucións

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, con quen abordou, entre outros asuntos, as necesidades de solo empresarial do concello. A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que Lorenzana está a manter cos distintos rexedores locais agora que a política de planificación de solo industrial é competencia da Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección xeral de Estratexia industrial e solo empresarial. Segundo expuxo a conselleira na reunión, a vontade da Xunta é que esta planificación vaia ligada ao aproveitamento dos recursos naturais e as renovables para dar acceso ás empresas a un prezo enerxético máis barato e competitivo.

Na reunión, expuxéronse os beneficios das tres liñas de axudas que a Consellería de Economía e Industria vén de resolver para contribuír á competitividade dos parques empresariais galegos. Concretamente, para a mellora de infraestruturas e servizos, para a creación de viveiros industriais e unha terceira liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica.

Por outra banda, conselleira e alcalde coincidiron na importancia de fomentar a desburocratización da tramitación administrativa para atraer empresas, tal e como está a facer o Goberno galego a través da Oficina Económica de Galicia dependente do Igape. No seu primeiro mes de funcionamento, en abril, rexistrou máis de 900 consultas e máis de cen citas de acompañamento ás empresas galegas. Na mesma liña, na xuntanza tamén se abordaron as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento, e os plan directores por sectores nos que a Xunta está traballando.

O concello de A Guarda  forma parte do programa Concello Emprendedor desde o ano 2021. Unha iniciativa á que están adheridos 156 concellos e que ofrece máis axilidade na tramitación administrativa.

Te puede interesar